Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

O pleno de Ferrol aproba por unanimidade reclamar a construción do dique seco cuberto para Navantia

    O pleno municipal de Ferrol aprobou por unanimidade a moción presentada polo comité de empresa de Navantia, na que se reclamaba a construción do dique seco cuberto, unha infraestrutura imprescindible para garantir carga de traballo, emprego e futuro para o sector naval. O texto tamén reivindica que se fixe canto antes un calendario de datas e investimentos para poder construír o máis axiña posible.

    25/06/2021.
    Pancarta reivindicando investimentos en Navantia e futuro na comarca de Ferrol (27/5/2021)

    Pancarta reivindicando investimentos en Navantia e futuro na comarca de Ferrol (27/5/2021)

    O escrito remitido polo comité, que contou co apoio de todos os grupos da corporación local, sinala que hai xa máis dun lustro que Navantia lle encargou ao centro tecnolóxico Romero Landa, en colaboración coa reputada consultora McKinsey, un estudo de viabilidade para o estaleiro. O obxectivo, situalo entre os máis punteiros do mundo.

    Naquel momento, a conclusión foi que Ferrol precisaba unha «transformación integral» para ser competitivo a escala global, concentrando todos os procesos de forma que se pasase da construción na grada a facelo baixo dique cuberto.

    Porén, o comité denuncia que, desde o asinamento do Plan Estratéxico de Navantia (PEN), estase a «invisibilizar calquera investimento no centro de Ferrol que non sexa no obradoiro de sub-bloques, obviando a necesidade de investir noutros departamentos».

    Na moción explícase que o futuro obradoiro de sub-bloques está orientado onde se situaría o dique seco cuberto. «Non cabe dúbida de que sería o complemento perfecto na mellora dos procesos da construción de calquera buque, pero mentres non se constrúa o tan necesario dique, a situación do obradoiro repercutiría no empeoramento dos procesos», sinala o comité.